Xornaga
Somos unha asociación profesional formada por Técnicos/as en xestión e organización de recursos naturais e paisaxísticos da comunidade autónoma galega, sen afán de lucro, plural e independente.
Historia
A asociación profesional xornaga nace a comezos do ano 2001 froito das inquedanzas dun grupo de alumnos/as do ciclo formativo de grao superior do I.E.S. da Terra Chá, en Castro Ribeiras de Lea, no concello de Castro de Rei, provincia de Lugo.
Co transcurso do tempo iranse incorporando a esta asociación, mozas e mozos de toda Galicia co eixo común de estudaren a titulación de Técnico/a en xestión e organización de recursos naturais e paisaxísticos, en calquera dos sete actuais centros de formación agroforestal da comunidade autónoma galega.
Reactívase no ano 2005, sendo no 2007 cando, cun cambio na directiva, diversifica as súas actividades tornando nunha asociación máis activa en todas as áreas de traballo que engloban esta titulación.
Actualmente contamos con preto dun cento de asociados/as, xente nova con ganas de demostrar a súa valía profesional, de aprender e compartir experiencias.
O noso labor
A asociación profesional xornaga actúa en diferentes áreas de traballo, procurando abordar a maior parte dos temas relacionados coa titulación e profesión de técnico/a superior en xestión e organización dos recursos naturais e paisaxísticos, dentro do marco forestal, medioambiental e da xardinería da comunidade autónoma galega.
Entre os obxectivos que se formulan dende xornaga están:
- Organizar actividades culturais diversas, divulgándoas entre o público en xeral.
- Promover a titulación no mundo laboral, tanto no ámbito público como privado.
- Defende-los intereses da asociación, xudicial e extraxudicialmente.
Para alcanzar estes obxectivos e cubrir as áreas de traballo da titulación, xornaga, actúa, promove e organiza actividades que buscan ser un complemento da formación recibida así como un vínculo cos avances do sector. As actividades son:
- Cursos de formación contando sempre coa participación de relatores/as de recoñecida profesionalidade no seu eido.
- Reunións coa Administración Pública na tarefa constante de defender e promover os intereses da asociación.
- Xornadas de sendeirismo polos espazos naturais de Galicia, co fin de coñecer de primeira man os enclaves de importancia medioambiental e paisaxística da nosa comunidade e facilitar a conciliación entre os/as membros da asociación.
- Edición do voceiro SILVA e páxina web, ambos medios de comunicación creados coa pretensión de desenvolver a función de achegar toda a información ás persoas asociadas e simpatizantes.
- Participación en feiras, para estar ao día nas melloras e avances do sector.
-
Charlas aos centros de formación onde se imparte a nosa titulación co fin de divulgar a existencia da asociación entre os futuros titulados/as e captar novos/as socios/as que participen dos obxectivos, actividades e das asembleas.
Órganos Directivos
A asociación profesional xornaga ten dous órganos decisorios:
- Asemblea Xeral (ordinaria e extraordinaria/as)
-
Xunta Directiva:
- Presidente/a
- Secretario/a
- Tesoureiro/a
- Vogais
A Asemblea Xeral, á que poden asistir todos os socios e socias con voz e con voto, é o máximo órgano de goberno de xornaga. A Asemblea Xeral, que se reúne de forma ordinaria unha vez ao ano, establece as liñas de actuación da asociación para o seguinte exercicio, debate os balances de actividades e económico e elixe os membros da Xunta Directiva Xeral, cuxo mandato é bianual.
A Xunta Directiva é o principal órgano de goberno entre asemblea e asemblea. Está formada polo/a presidente/a, o/a secretario/a, o/a tesoureira, e os vogais que se elixan.

